Antía Moure YO TAMBIÉN ME ACORDARÉ DE TODOS VOSOTROS

A CORUÑA, Casa Museo de María Pita, do 5 ao 30 de novembro.

antiamoure

C.B.

Habitar un espazo é unha acción complexa pola relación que se establece entre este e a nosa presenza. Abandonar un espazo é unha acción tamén complexa pola ruptura física e mental con este.
Ao revivir unha lembranza da nosa existencia a miúdo non conseguimos visualizar «o todo», fáltannos datos. Esta reconstrución cargada de ausencia débese á omisión de singularidades, e é o obviar ou omitir ditas singularidades o que nos permite recoñecer o momento vivido e, o que é máis importante, lembralo e podelo narrar.
A memoria reafirma a nosa identidade e a do que nos rodea, e con iso a nosa posición no espazo e no tempo. Un reflexo diso é o asombroso espertar de Gregorio Samsa na Metamorfose de Kafka, que sorprendido dentro dun corpo que non é seu é capaz de identificarse como el mesmo grazas ao recoñecemento de todo aquilo que o rodea. A memoria, construída de sensacións e imaxes mutadas, é responsable de axudarnos a «soportar» o paso do tempo.

 

Antía Moure
Monforte de Lemos 1981
Antía Moure é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e posúe un Máster en Xestión Cultural pola Universidade Carlos III de Madrid.
A súa traxectoria, nova pero destacada, ven determinada pola súa presenza en proxectos como o Archivo de Creadores de Matadero, Centro de Creación Contemporánea de Madrid, PhotoEspaña 2008 (Madrid), Observatori 2006, 7º Festival Internacional de Investigación Artística de Valencia ou A Chocolataría, D’S Espazo de Experimentación e Creación Contemporánea de Santiago de Compostela, entre outros. Así como a inclusión da súa obra en publicacións especializadas como a recente 100 News Artists de Francesca Gavin publicado por Laurence King (UK), 2010.
Destaca ademais a súa participación en exposicións de tese como Urbanitas. Actitudes urbanas na arte galega actual realizada no MARCO, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, Surrounding Matta-clark, na Galería Carlos Carvalho de Lisboa ou Ciclo de videocreación no CGAC. E en exposicións individuais na Zona “C” de Santiago de Compostela, Grandes Batallas, ou Arkhé e El último minuto na súa galería portuguesa e galega respectivamente.
Dende 2005 a súa obra está presente en feiras nacionais e internacionais como ARCO ou Estampa (Madrid), Espacio Atlántico en Vigo, Dfoto, Feria Internacional de Fotografía Contemporánea e Vídeo (San Sebastián), China Internacional Gallery Exposition (Beijing), Bridge Art Fair (Nova York), Arte Lisboa, Feira de Arte Contemporánea, ou Colonia Liste Köln.
Actualmente vive e traballa en Madrid compaxinando a súa actividade creativa coa xestión cultural.

Share on FacebookTweet about this on Twitter