SANTIAGO DE COMPOSTELA. Centro Sociocultural do Ensanche, do 4 ao 30 de novembro.
BRUMAS VII
Esta serie pecha o traballo de investigación elaborado ao redor do concepto do espazo doméstico como espazo de tortura, que cristalizou en 2012 na miña tese doutoral titulada «El hogar como exilio latente».
A existencia dun relato ao redor da idea do fogar fragmentado acolle trala súa poética experiencias vitais que van dende a infancia maltratada até a vellez solitaria, pasando pola vida conxugal claustrofóbica ou o confinamento doméstico. Advírtese, entre ceos tempestuosos, a fraxilidade e o desequilibrio de quen se encontra á deriva, exiliado no seu propio fogar onde a casa extrae referencias constantes ao baleiro dunha convivencia imposible. O fogar fragmentado actúa como o corpo amputado: parece estar a pedir axuda a berros, mais, aínda así, faino en silencio, onde se limita a soportar a súa dor infinda.
Ana Gil
Ourense 1973
Licenciada en Filoloxía. En 2012 obtén o título de Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo.
Os seus comezos vincúlana dentro da denominada «arte efémera» a través de diversas intervencións no medio natural ou a práctica da performance, en diferentes mostras como Chámalle X (Facultade Belas Artes Pontevedra, 2007). Participou en diversas mostras relacionadas con reivindicacións feministas como Fem Art (Barcelona, 2006) ou Voilà la Femme (Marín, 2009) e realizou instalacións específicas para Outonoarte (Coruña, 2008). Algunhas das súas propostas foron recollidas en feiras como Puro Arte (Ifevi, Vigo, 2009) ou Jaal Photo (Madrid, 2013), en diversas galerías como A.dfuga e Metro Arte (Santiago de Compostela) ou en bienais como a XI Pintor Laxeiro (Lalín, 2013).