| Os turistas chegan a Praga atraídos por
unha foto que todos nós levamos no fondo do inconsciente, caso de que o teñamos con permiso de Freud: un mozo vestido á moda con sombreiro estilo Magritte á moda de dezanove, século mítico onde os haxa, andando polas rúas estreitas e empinadas ou mirando de fronte cos seus ollos acesos acesos coma o lume, abertos ao asombro, tan romántico todo. Mais non perdoa o tempo, e a inflación tampouco aínda que nas cidades caben todos os soños para que cada quen vexa o que a ver viña non traizoan as viaxes vellas expectativas Franz Kafka lives in Prag! xa o din as camisetas, e todos tan contentos como Franz certa noite que escribiu A Metamorfose dunha única sentada toda a noite en vela e logo foi traballar, a dicotomía dun doutor en leis empregado modelo da Mutualidade de Seguros e Accidentes Laborais o espanto na noite, a respectabilidade burguesa no día, unha dobre vida como a de calquera, non sendo pola fama póstuma e indebida se nos limitamos ao seu testamento. Así os turistas comezamos todos o vía crucis místico ao pé do cabalo do rei Wenceslao, na praza de igual nome aínda que ser non é praza, antes rúa Václavské námesti, Wenceslao por Václav non che é tan doado como no galego Sanxenxo-Sanjenjo, lo entiende cualquiera, que ganas de armala teñen estes checos Vltava-Moldava aínda peor se cadra, por sorte só teñen un río, e así andamos arreo do Václav á ponte de Carlos, ou Karlov most, de riba abaixo, ou de baixo arriba preciosas canellas todo artesanía decoración flores cristais de Bohemia vitrais modernistas cafés belle epoque de inmensas terrazas todo arte primores teatros e tendas belos edificios nun parque temático ad maiorem gloriam dos tour operators e do romantismo. Como temos présa de consumir tanto monumento único e tanta beleza non nos queda tempo pra deitar no ludre, que abeira este río de xente e de loxas, nin unha soa foto instantánea vella de espantos e medos antigos e noxos vellos coma a especie antes do turismo. Non hai paraísos non sendo os perdidos non para Milena, para o vello Oskar, ou Hermann ou Max, quen teñen abondo con aturar mecha até a fin do día e que veña outro non peor, nin tempo de ollar fermosuras que Praga atesoura. E vaia por eles, que digo que os vin con estes meus ollos como tamén viron as pedras que o Franz cos seus pés andaba. Van catro instantáneas reais como a vida para ilustración e coñecemento. —Mala rabia te coma! A rapaza é loura e esguía. Se cadra chámase Milena, mais nunca leu a Kafka. Nin sequera tivo ocasión de ir á escola. Naceu tarde abondo para ir á escola, cando caera o muro carne de emigración chegada de fóra, dalgún lugar afastado da Ucraína ou da Estonia, ten dezaoito anos e xa o viu todo, e pouco viu bo. Na estación do metro de Pankrat dous policías terman dela, que se retorce cuspindo cara a un mozo de cabelo longo de cor de acibeche e cadeas de ouro dezaoito carat suxeitado na outra punta do vestíbulo por outros homes. A rapaza preme o seu ventre dolorido, maldí. O home reméxese, tentando desasirse das alxemas, refrega as pálpebras, abrasadas polo aerosol. —Desta mátote, puta! Milena faille a figa cos dedos. Os madeiros arrástrana escadas arriba. Nun recuncho, pé da esqueira mecánica aboia o bote de spray que a meniña agredida vén de baleirar nos ollos do proxeneta, muda metálica testemuña batida couce a couce polas multitudes andanadas repetidas de turistas como ondas dun mar embravecido mandas sucesivas apuradas por deixar o extra-radio pouco beautiful para chegar canto antes ao centro máxico very nice onde as instantáneas kódak sorrín en todos os recantos. |
| [Franz Kafka] Franz Kafka nos seus anos de universidade. |
|
| [Franz Kafka] Franz Kafka na praza da cidade vella de Praga (1922). |
|
O de Max vén sendo un grao máis da
infamia |