A guerra civil española (1936-1939) foi o primeiro conflito bélico da era dos medios de comunicación de masas: xornais, reportaxes fotográficas, radio e noticiarios cinematográficos permitían a opinión pública seguir diariamente os acontecementos. En toda Europa e América producíronse movementos de solidariedade coa República. 35.000 voluntarios, procedentes de máis de cincuenta países, loitaron no bando dos republicanos, sobre todo integrados nas brigadas internacionais. A súa epopea converteuse nun mito, mesmo xa durante a guerra. Os reporteiros fotógrafos contribuíron en grande medida a popularizar este compromiso. Os máis coñecidos (Capa, Chim) publicaron o seu traballo, asinado co seu nome, en revistas (Vu, Regards) e xornais (Ce Soir, L’Humanité). Os fotógrafos españois (Centelles, Mayo), de cuxos clixés se nutriron os centros de propaganda, a miúdo permaneceron no anonimato. Tras a derrota, as fotografías das axencias permaneceron dispoñibles. Algúns centros de investigación conservaron arquivos persoais. Os clixés españois foron requisados polos franquistas, que depositaron os que non destruíron en Salamanca, no que chamaban «os arquivos dos roxos», ou ben foron preservados xunto co material que os fotógrafos puideron poñer a salvo (Centelles en Francia e Mayo en Moscova). O destino destas fotografías, de grande calidade, constitúe, por si mesmo, unha historia. Rémi Skoutelsky e Michel Lefebvre propoñen con esta exposición unha historia iconográfica: a memoria recuperada dos Brigadistas Internacionais, evocando coas imaxes que mostran esta gran aventura humana e rendendo un homenaxe aos brigadistas. Os autores reconstrúen o universo no que viviron e loitaron os Brigadistas, destacando o enorme esforzo de propaganda que a loita do pobo español suscitou en todo o mundo. A mostra cobre desde a chegada dos primeiros voluntarios en 1936 até a marcha dos últimos brigadistas en outubro de 1939, e permite recuperar visualmente todos os aspectos da súa estadía en España. A chegada e o seu recrutamento, as frontes onde actuaron, a colaboración que estableceron no exército republicano, os seus vínculos na poboación civil, o labor humanitario que desenvolveron e o papel que tiveron posteriormente no ámbito internacional. |
| Arquivo L’Humanité Bandeira da centuria Thaelmann, creada en Barcelona por refuxiados antinazis, nun cuartel de Madrid. |
|
| Foto Mayo Bombardeo na rúa Alcalá de Madrid. Rapaces xunto a unha bomba que non estoupou. |
|
| Robert Capa Soldados do batallón franco-belga disparan ás tropas de Franco desde a Escola de Medicina da Ciudad Universitaria, 1936. |
|
| Robert Capa Escuadrón de voluntarios nos combates da Casa de Campo. Foi portada da revista Regards do 17/12/1936. |
|
| Robert Capa Soldado español axudando a un compañeiro ferido. Casa de Campo, 1936. |
|
| Robert Capa Montblanch, 25 de outubro de 1938, na cerimonia organizada con motivo da marcha dos brigadistas. O home é italiano; o mesmo que os seus compatriotas, leva un pano vermello no pescozo. |
|
| Biblioteca Nacional de Madrid Brigadistas cruzando o río Ebro por pontes flotantes artesanais. A maioría morreu no intento, e os que o conseguiron foron aniquilados en poucas horas. |
|
| Biblioteca Nacional de Madrid O brigadista británico O’Brian e un neno español. |
|
| Walter Reuter Na despedida de Montblanch, dúas mozas españolas cun brigadista. |
|
| Robert Capa Montblanch, 25 de outubro de 1938, na cerimonia organizada con motivo da marcha de brigadistas de todos os países, con asistencia do primeiro ministro, Negrín. |
|
| Arquivo da Brigada Abraham Lincoln Avión publicitario pedindo axuda para que puideran regresar «á casa» os norteamericanos feridos en España, sobrevoando a popular praia de Coney Island, en Nova York. |
|
| Col. Manuel Moros Cerca de 300.000 españois cruzaron precipitadamente a fronteira francesa a partir de xaneiro de 1939. |
|